PescaGalicia
Portal de Formación Pesqueira


Benvido ao CURSO DE PATRÓN LOCAL DE PESCA

Se desexas realizar o curso neste web, informámoste de que o curso de Patrón Local de Pesca ten unha parte presencial, polo que durante o curso terás que te presentar nunha localidade, que tentaremos que sexa próxima á túa, para efectuares as prácticas. Así mesmo, comunicámosche que, para obteres o título académico, será necesario superar unha proba, co que deberás realizar un exame perante un tribunal das escolas náutico-pesqueiras.

Para poder acceder a este curso, cómpre reunir os requisitos que seguen:

REAL DECRETO 662/97 de 12/5 BOE nº 129 do 30/05/97

Orde do 8 de setembro de 1998, DOGA nº 188 do 28 de setembro

Denominación do curso: PATRÓN LOCAL DE PESCA
Duración mínima: 250 horas
Modo de conseguir a titulación: Asistencia ao curso e exame extraordinario



Requisitos:

      Residir no territorio da Comunidade Autónoma Galega
      Ter cumpridos os 17 anos de idade
      Estar en posesión do Caderno de Inscrición Marítima
      Estar en posesión do Certificado de Competencia de Mariñeiro



Documentación que se debe enviar á Consellería, ao enderezo seguinte:

     Referencia: Curso Web de Patrón Local de Pesca
     Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura
     Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación
     Rúa dos Irmandiños s/n - Salgueiriños
     15701 Santiago de Compostela

* Unha vez recibida a seguinte documentación, activaráseche a clave de entrada no curso.

a) Cubrir o formulario de datos persoais.
b) Fotocopia do DNI
c) Dúas fotos tamaño carné
d) Documento acreditativo de seres residente na Comunidade Autónoma Galega
e) Fotocopia da 1ª folla do Caderno de Inscrición Marítima onde conste o folio
f) Fotocopia do Certificado de Competencia de Mariñeiro
g) Certificado médico ou fotocopia do caderno onde figure este. (As fotocopias dos documentos presentados deberán ser cotexadas nas delegacións da Conselleria de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou na confraría de pescadores que corresponda).



Atribucións:

a) Mando de buques pesqueiros de ata 12 metros de eslora entre perpendiculares e 100 KW de potencia efectiva da máquina dedicado á pesca costeira, de litoral ou auxiliar de acuicultura, e a unha distancia de ata 12 millas da costa por fóra das liñas de base definidas de acordo coa Lei 10/1977, do 4 de xaneiro, sobre mar territorial e delimitación das liñas de base rectas establecidas no Real Decreto 2510/1977, do 5 de agosto



Para accederes ao título, á parte de estares en posesión do certificado correspondente, deberás realizar un período de embarque de vinte e catro meses, doce na cámara de máquinas e doce na sección de ponte en buques de pesca.



  • PATRÓN LOCAL PESCA

    • Sección Común:
      • Teoría do buque
      • Seguridade, supervivencia e primeiros auxilios
      • Comunicacións
      • Respectar o mar
      • Lexislación Laboral

    • Sección Ponte:
      • Lexislación pesqueira
      • Pesca marítima
      • Navegación
      • Manobra, regulamentos e sinais
      • Meteoroloxía e Oceanografía
      • Comunicacións
      • Prácticas de cuberta

    • Sección Máquinas:
      • Motores de combustión interna
      • Electricidade básica
      • Servizos do buque
      • Prácticas de taller